Monday 29 de April de 2024

Carlangas y Los Cubatas e Kumpania Algazara encabezan a oferta de ocio da programación do Entroido da Coruña


A Banda Municipal de Música interpretará un concerto no Teatro Colón cun repertorio especial para a ocasión

Os actos comezan este sábado 3 co primeiro concurso de comparsas e complétase cunha variada oferta en centros cívicos, museos e outros espazos municipais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a programación do Entroido da Coruña, que comeza este mesmo sábado, 2 de febreiro, coa celebración do concurso de comparsas na modalidade de música e letra, a partir das 18.00 horas, no Centro Sociocultural Ágora, e que estará presentado polo cómico David Amor. No acto, que tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita, estivo presente unha representación das asociacións e comparsas da cidade, contando con membros de Pantaleón, Maracos,
Monte Alto a 100, Amigos da Xoldra, Kilomberos de Monte Alto e Malandros.

“Como todos os anos, non faltarán os habituais espectáculos e concursos ou a lembranza para os nosos choqueiros ilustres, mais tamén contaremos con actuacións musicais de gran nivel para trasladar a festa á praza de María Pita ou ao Teatro Colón”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. Serán, en total, dez xornadas de festexos, entre este sábado 3 e o sábado 17.

As principais novidades da programación serán as actuacións musicais de Carlangas y Los Cubatas e Kumpania Algazarra, que terán lugar na praza de María Pita. A formación portuguesa Kumpania Algazarra amenizará a xornada do sábado 10 de febreiro, cando se celebrará o desfile de comparsas e carrozas a partir das 17.30 horas. Dito desfile pasará por San Andrés, A Mariña e rematará en María Pita, onde actuará Kumpania Algazarra ás 17.45 horas e, xa á noite, ás 21.30 horas. Esta banda conta con 20 anos de traxectoria, combinando no seu repertorio estilos como ska, funk ou ritmos latinos.

Por outra banda, Carlangas y Los Cubatas actuarán o luns 12 a partir das 21.00 horas en María Pita. Trátase da nova formación do cantante do grupo compostelán Novedades Carminha, que presentará ‘Bailódromo vol. 1’, o seu novo proxecto discográfico. Antes, o domingo 11, haberá a partir das 12.00 horas no Teatro Colón unha actuación especial da Banda Municipal de Música, baixo o título ‘Unha Banda de Entroido’.

Tal e como anunciou a alcaldesa, este ano o Xoves de Comadres estará dedicado á figura de Ángela Labaca, filántropa coruñesa que fundou a escola que hoxe leva o seu apelido en Juan Flórez. Desde alí sairá a comitiva a partir das 20.00 horas o xoves 8. Rematarán o percorrido na praza de María Pita, como é habitual.

Inés Rey fixo especial fincapé nos actos que se celebrarán o Martes de Entroido, o 13 de febreiro, no que “se manterán as liturxias habituais dun día tan sinalado para coruñeses e coruñesas”. Haberá homenaxes e ofrendas florais a Cantero, Canzobre, Palau e César, ademais da colocación da placa de Choqueira do Ano, que este 2024 recae en Jesusa Cabeza García, ‘Susa’, na rúa de San Xosé a partir das 13.30 horas.

Xa pola tarde, celebraranse os tradicionais concursos infantís de disfraces e choqueiros no Campo da Leña a partir das 17.00 horas. Xa ás 20.00 horas comezará o concurso de choqueiros e choqueiras da rúa da Torre, onde actuarán ao finalizar Los Piñeiros.
De novo, o Circo de Artesáns acollerá durante todas as xornadas de Entroido o velorio da sardiña, ás 23.15 horas cada día. Tamén se proxectará todos os días no propio Circo de Artesáns o documental de Omar Rabuñal ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’, a partir das 22.00 horas.

O Enterro da Sardiña comezará o mércores 14 ás 20.30 horas en San Andrés, rematando, como é tradición, en Santo Amaro. Pechará o Entroido coruñés unha ruada das comparsas do Cantón Pequeno á praza de Azcárraga o sábado 17 ás 13.00 horas. “Serán, en definitiva, dez días de alegría e festexos nos que teremos a oportunidade de gozar como nunca dun Entroido moi noso”, sinalou a alcaldesa.

Festas e obradoiros nos centros cívicos

A programación de actividades de Entroido promovidas polo Concello chegará nos vindeiros días aos Centros Cívicos Municipais (CCM), con obradoiros e festas infantís orientadas ao gozo das crianzas e as súas familias nestas datas festivas. Neste sentido, o Goberno de Inés Rey ten previsto un amplo abano de iniciativas ideadas para nenas e nenos en idade de 4 a 12 anos.

O calendario de Entroido nos CCM da Coruña comezará o venres 9 de febreiro, coas primeiras festas infantís. Terán lugar en horario de tarde, nos centros cívicos da Cidade Vella, Palavea e Elviña (17.30 a 20.30 horas) así como no pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro (19.00 a 22.00 horas).

Xa o sábado 10, as festas infantís de Entroido chegarán aos centros cívicos de Monte Alto, Monelos e Os Rosales (17.30 a 20.30); o domingo 11, aos centros cívicos dos Mallos e Labañou (16.30 a 19.30) e Eirís (17.30 a 20.30); e o luns 12, aos centros cívicos do Castrillón, Novoboandanza e San Diego (17.30 a 20.30).

A asistencia ás festas será de balde, sendo preciso formalizar inscrición previa no centro cívico de referencia. As entradas adxudicaranse por orde de inscrición ata completar capacidade.

Obradoiros creativos e musicais de Entroido para as crianzas

En paralelo ás festas, os Centros Cívicos Municipais tamén abrirán as súas portas a talleres infantís de Entroido, ideados para a rapazada en idade de 4 a 12 anos. As actividades terán lugar o sábado 10 e o luns 12 de febreiro.

Haberá dúas modalidades de talleres: o primeiro, os obradoiros musicais, e o segundo, os obradoiros creativos, unha proposta lúdica na que as e os pequenos participantes poderán explorar a súaimaxinación e amosar a súa personalidade a través da confección de disfraces orixinais.
As datas e horarios dos talleres son os seguintes:

Sábado 10 de febreiro
● Obradoiros musicais de Entroido (11.30 a 13.00 horas): centros cívicos de Pescadores, Santa Lucía, Artesáns e A Silva.
● Obradoiros creativos de Entroido (11.30 a 13.00 horas): centros cívicos de Visma, Castro de Elviña, Sagrada Familia e Feáns.

Luns 12 de febreiro
● Obradoiros musicais de Entroido (11.30 a 13.00 horas): centros cívicos de Visma, Castro de Elviña, Sagrada Familia e Feáns.
● Obradoiros creativos de Entroido (11.30 a 13.00 horas): centros cívicos de Pescadores, Santa Lucía, Artesáns e A Silva.

Ao igual que no caso das festas infantís, a asistencia aos obradoiros será de balde, sendo preciso formalizar inscrición previa no centro cívico de referencia.
‘Mascarada no Castelo’
O Castelo de San Antón tamén súmase ao Antroido coruñés co obradoiro creativo ‘Mascarada no Castelo’, que se celebrará o vindeiro sábado 10 de febreiro e está orientado a nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Por medio de xogos participativos, as e os asistentes poderán desenvolver o seu talento creativo coa confección e reinterpretación das máscaras tradicionais do Entroido galego, o que lles permitirá ás pequenas e pequenos coñecer polo miúdo as vestimentas dos peliqueiros, cigarróns e pantallas.

A oferta para o taller é de 20 prazas e a asistencia será de balde, mais será preciso formalizar inscrición previa. Adxudicaranse por orde de reserva, ata completar o máximo de prazas. As solicitudes deberán tramitarse por vía telefónica, ao número 981 189 850 do Museo
Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Esta liña estará operativa de martes a sábado, en horario de 10.00 a 19.30 horas.

Actividades para a mocidade

Completan a oferta do Entroido do Concello diferentes obradoiros e actividades organizados polo servizo municipal de Mocidade nos espazos do Remanso e Metrosidero. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey busca que a oferta destas festas implique a todo o conxunto da cidadanía con iniciativas de ocio saudable para mozos e mozas.

A primeira delas será un obradoiro de maquillaxe para o entroido, que terá lugar os días 3 e 9 de febreiro nas naves de Metrosidero, en horario de 18.00 a 19.30 horas. No Remanso, o martes 6 haberá, de 18.00 a 21.00 horas, un obradoiro de maquillaxe de fantasía para persoas de 12 a 30 anos de idade. Por último, tamén haberá un taller de artesanía para o Entroido, os días 6 e 8, nas naves do Metrosidero.

As inscricións, de balde e ata completar capacidade, pódense formalizar nos propios espazos ou na páxina web de Mocidade do Concello da Coruña.